"586 cantos" en Cerceda

Submitted by xestor on Mar, 20/05/2025 - 07:48
23
May
2025
"586 cantos" en Cerceda
Imaxe
586 cantos

Música en directo e imaxe dialogan neste espectáculo, idea orixinal da MICE do Museo do Pobo Galego, para poñer en valor o papel das portadoras e transmisoras da poesía popular oral. A proposta poderá verse no Auditorio Municipal de Cerceda, como parte da programación das Letras Galegas 2025, o venres, 23 de maio, ás 19:00 horas. 

A orixe deste espectáculo é o traballo etnomusicolóxico que Dorothé Schubarth levou a cabo en Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina, e cuxo resultado doou ao Museo hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras coas que Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, deron forma a unha montaxe audiovisual que se combina no directo coa reinterpretación musical de oito deses cantos, da man de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.

Cerceda, concretamente a Vila da Igrexa neste mesmo concello, é o lugar de nacemento de Rosa Casás e Adolfina Casás, dúas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas neste 2025 e que foron recollidas no Cancioneiro Popular Galego por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.

Máis información do espectáculo