Colección
A colección do Museo do Pobo Galego está formada na súa maior parte por obxectos da vida cotiá que a sociedade galega creou e empregou para satisfacer as súas necesidades prácticas e espirituais. Aínda que comezou como colección etnográfica, centrada no mundo rural e mariñeiro, co paso do tempo foise ampliando cara a outros contidos tanto artísticos como históricos.
A principal característica da colección é que non se trata dunha compilación de pezas únicas ou senlleiras, de elevado valor económico, estético ou artístico. Son obxectos utilitarios de uso doméstico, persoal e ritual elaborados cunha finalidade e un valor de uso que o paso do tempo deixou esquecidos nos faiados. Cando a súa utilidade queda nun segundo plano, pasan a ser apreciados por outros motivos e comezan a adquirir valor cultural. Son eses obxectos da vida cotiá os que activan a nosa memoria e nos dan testemuño da forma de ser e de vivir da sociedade galega de tempos pasados, achegándonos información sobre os seus costumes, estilo de vida, estrutura social, crenzas, etc.
A colección acada hoxe en día preto de 15.000 pezas. Trátase dunha colección en continuo crecemento que segue medrando día a día grazas ás doazóns de particulares e institucións que constitúen o 90 % da colección. E do total da colección só o 15 % está exposto nas salas permanentes, gardándose o resto nas salas de reserva para montaxes de exposicións, actividades, préstamos e consultas.
A colección comezou a formarse cos fondos destinados ás tres primeiras salas abertas ao público en 1977: olaría, tecido e cestaría. Estes proviñan principalmente das achegas de patróns e patroas fundadoras: así, a sala de olaría nutriuse da magnífica colección de cerámica de Luciano García Alén e María García Ayaso, formada por pezas procedentes das diferentes aldeas oleiras de Galicia. A sala dos tecidos montouse a partir das achegas de Ramón Villares Paz e Cipriano Jiménez Casas, así como da recuperación das pezas do antigo Seminario de Estudos Galegos que formaran parte do seu Museo entre 1930 e 1936. O resto das pezas, especialmente a sala de cestaría, foron compradas a diferentes artesás e artesáns espallados por toda a xeografía galega, nun traballo de recollida encomendado a diversas persoas do Padroado do Museo.
A solicitude para o acceso ás coleccións de fondos materiais farase por escrito, remitindo ao MPG, debidamente cuberto e asinado, o formulario de solicitude. O FORMULARIO DEBERÁ IR ACOMPAÑADO DUNHA EXPLICACIÓN RAZOADA DO PROXECTO QUE SE PRETENDE REALIZAR.
A solicitude de reprodución dos fondos materiais, documentais e bibliográficos farase por escrito, remitindo ao Museo do Pobo Galego, debidamente cuberto e asinado, o formulario de solicitude.
A tarifa por cada reproducción dixital é de 12€ (IVE incluído).
Título info
Doazóns
Construír a colección do Museo do Pobo Galego non sería posible sen as doazóns dunha longa listaxe de persoas desde a propia fundación da institución. Se tes unha peza que cres que podería facer parte dela e queres doala ao Museo, estas son as condicións para o procedemento.
As propostas de cesión de obxectos ao MPG faranse por escrito, procurando achegar a máxima información posible que se posúa do obxecto e incluíndo, como mínimo, unha fotografía.
En caso de aprobación da proposta, a persoa doadora deberá saber que a aceptación da súa doazón non supón o compromiso do MPG de expoñela ou de difundila. Pola contra, o MPG comprométese a:
Que os materiais doados pasen a formar parte da colección, tendo o mesmo tratamento que o resto de obxectos desta, garantindo a súa conservación e o estudo por parte do persoal técnico, así como a poñelos á disposición das persoas investigadoras que queiran acceder a elas para os seus traballos. As pezas poderán formar parte de exposicións permanentes e temporais programadas polo propio MPG ou ser prestadas a outras institucións para participar nas súas exposicións.
Pezas que sexan de demostrada autenticidade.
Aquelas cuxa titularidade de propiedade sexa clara.
Pezas que fosen obtidas respectando as normativas vixentes sobre protección do Patrimonio Cultural.
Obxectos acordes cos contidos do museo, tanto aqueles que completen os conxuntos xa existentes e que permitan encher os baleiros ou deficiencias que haxa neles como os que permitan crear novas coleccións e tipoloxías que sirvan de base a futuros proxectos expositivos.
Pezas que sexan significativas polo seu valor histórico, artístico, cultural, funcional ou simbólico en relación coa vida, costumes, crenzas, economía, arte e historia de Galicia das diferentes etapas históricas.
Materiais de interese para a investigación cos datos da súa orixe cultural, social, territorial e temporal suficientemente completos, con toda a información que se poida proporcionar sobre a historia destes (a quen pertenceron, como os adquiriron, ata cando se utilizaron, etc.).
Doazóns condicionadas en relación coa exposición, conservación, investigación o difusión dos bens doados.
Depósitos temporais propiedade de particulares, agás no caso de depósito previo á formalización da adquisición da peza.
Coleccións temáticas centradas nun único tipo de peza: colección de reloxos, de radios, de bastóns, etc.
Obxectos que pola súa natureza, tamaño, situación ou transporte supoñan un desembolso económico que o MPG non poida asumir.
Obras de arte contemporánea da autoría da propia persoa doadora.
Maquetas e reproducións, por tratarse de recursos expositivos que se deseñan e realizan segundo os criterios do MPG para cada proxecto específico.
Pezas en mal estado de conservación cuxo proceso de deterioración non garanta a súa conservación ou poña en perigo o resto da colección xa custodiada.
Tampouco se aceptan materiais perecedoiros.
Non se aceptará ningún material que sexa potencialmente perigoso, como explosivos, materiais inflamables ou pezas que conteñan asbestos ou outros compoñentes tóxicos ou canceríxenos.