Música en directo e imaxe dialogan neste espectáculo, idea orixinal da MICE do Museo do Pobo Galego, para poñer en valor o papel das portadoras e transmisoras da poesía popular oral. A proposta poderá verse no Auditorio Municipal de Cerceda, como parte da programación das Letras Galegas 2025, o venres, 23 de maio, ás 19:00 horas.
A orixe deste espectáculo é o traballo etnomusicolóxico que Dorothé Schubarth levou a cabo en Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina, e cuxo resultado doou ao Museo hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras coas que Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, deron forma a unha montaxe audiovisual que se combina no directo coa reinterpretación musical de oito deses cantos, da man de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.
Cerceda, concretamente a Vila da Igrexa neste mesmo concello, é o lugar de nacemento de Rosa Casás e Adolfina Casás, dúas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas neste 2025 e que foron recollidas no Cancioneiro Popular Galego por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.