Nova colección no catálogo en liña: Chocolates Amenedo

Nova colección no catálogo en liña: Chocolates Amenedo
Imaxe
Chocolates Amenedo

Comezamos este 2026 incorporando ao noso catálogo en liña unha nova colección: as pezas para a elaboración de chocolate artesanal que formaban parte do Museo do Chocolate do histórico negocio compostelán Chocolates Amenedo, situada na rúa do Cardeal Payá.

O chocolate chegou desde América a través dos portos de entrada de produtos coloniais. Ao comezo, o seu consumo estivo reservado á corte e ás clases privilexiadas, pero a partir do século XIX popularizouse e chegou a todas as capas sociais. En Galicia tivo unha implantación especial, gañando sona pola alta calidade do seu chocolate artesanal.

Non todo o mundo tomaba o mesmo chocolate. As clases máis acomodadas consumían chocolate fino, con máis cacao, canela e azucre. Entre as clases populares era habitual un chocolate máis barato, mesturado con cascarilla. Na Coruña, esa cascarilla infusiónase con auga ou leite, dando lugar a unha bebida tan común que acabou por darlles o alcume de "cascarilleiras" ás persoas nacidas na cidade. 

Ao chocolate tamén se lle atribuían propiedades medicinais. Consumíase en especial en casos de enfermidade e tras o parto, para axudar a recuperar forzas e "favorecer a subida do leite". Un costume moi presente na cultura popular galega ata ben entrado o século XX.

Chocolates Amenedo

A fábrica fundouse en 1872 na rúa da Algalia de Arriba e trasladouse máis tarde á rúa do Cardeal Payá. O seu fundador, Felipe Amenedo Reboredo, recibiu o Gran Premio con Medalla de Ouro na Exposición Rexional Galega de 1909. Tras el, o seu fillo Pablo mantivo a actividade ata o peche da fábrica en 1987. Na fábrica traballaban arredor de dez persoas e contaban con repartidores que percorrían a cidade levando o chocolate aos fogares.

No mesmo ano de peche da fábrica, Pablo Amenedo Reboredo deixou en depósito na nosa institución os útiles e ferramentas empregados na elaboración artesanal do chocolate, coñecida como chocolate a brazo ou chocolate á pedra. Desde hoxe, estas pezas están accesibles no noso catálogo en liña. A súa neta e o seu neto, Ana e Pablo Amenedo, celebran que este legado continúe formando parte do patrimonio conservado no Museo do Pobo Galego.