Unha nova achega á colección do Museo
Recentemente incorporamos á nosa colección esta interesante peza de xoiería, datada na segunda metade do século XIX.
Trátase duns pendentes de ouro formados por tres corpos articulados, de estrutura calada e composición simétrica. O corpo superior presenta un motivo circular rodeado por volutas e motivos vexetais estilizados e conserva o gancho de suspensión. O corpo central adopta a forma dun lazo de dobre lazada, mentres que o inferior remata nun motivo en forma de bágoa, tamén enmarcado por unha delicada decoración calada de inspiración vexetal. Os tres corpos están decorados con diamantes de talla antiga, engastados en chatón.
No reverso consérvase un detalle especialmente interesante: un delicado enreixado, resultado do proceso de fabricación artesanal, que pon de manifesto a mestría técnica do ourive.
Este par de pendentes constitúe un magnífico exemplo da ourivaría artesanal compostelá e vén completar a colección de xoiería do Museo, até agora formada maioritariamente por pezas de prata sobredourada, propias das familias de recursos modestos. Estes pendentes de ouro e diamantes reflicten o gusto e a posición económica dunha familia acomodada do ámbito urbano.
Con esta nova incorporación, a colección do Museo ofrece unha visión máis completa da diversidade da xoiería galega e dos distintos contextos sociais nos que foi creada e utilizada.