"Transfronteiriza" rescata as voces e as memorias da Raia

"Transfronteiriza" rescata as voces e as memorias da Raia
Imaxe
Transfronteiriza, inauguración

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026.- O Museo do Pobo Galego inaugurou hoxe Transfronteiriza, a nova expo-instalación de Diana Gonçalves, promovida polo Museo e Raia Creativa. Froito de tres anos de investigación e creación sobre a fronteira entre Galicia e o norte de Portugal, o proxecto recupera as historias das trapicheiras e as memorias dos territorios, entrecruzando vidas e patrimonio de fronteira a través dun diálogo entre cinema, documentación histórica, obxectos e patrimonio material.

No acto de inauguración interviñeron o xefe da División de Historia e Cultura da Guarda Nacional Republicana, o coronel José Miguel Silva Vieira; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei. Tamén asistiron representantes do Municipio de Valença, do Concello de Tui e da Universidade de Lisboa, entre outras entidades e institucións que apoian o proxecto. A inauguración contou, ademais, coa actuación musical de Luar do Minho, grupo con sede na localidade portuguesa de Valença que promove o coidado e a valorización do cancioneiro galaico-portugués.

As trapicheiras: recuperar as protagonistas dunha historia pouco contada

As historias das trapicheiras e a vivencia propia da fronteira son o fío condutor de Transfronteiriza. Trátase de mulleres que cruzaban a fronteira entre os anos corenta e setenta e que participaban nunha longa cadea comercial nun contexto de periferia económica, escaseza de emprego e salarios baixos. As súas prácticas de subsistencia ligadas ao comercio foron un acto de resistencia contra a pobreza e dan conta dunha realidade na que a condición de fronteira podía converterse nunha oportunidade para saír adiante.

A investigación parte do traballo cinematográfico Mulleres da Raia, no que Diana Gonçalves recolleu os testemuños das trapicheiras, e amplía a mirada sobre os lugares que percorreron, na procura de pegadas da súa historia nos arquivos. Esa pescuda levou a autora ata un arquivo de Lisboa, onde localizou documentos oficiais relacionados coa construción dun novo posto fronteirizo nos que aparecían mencionadas estas mulleres. Nun plano, a denominación histórica oficial do edificio recollía a expresión «posto de control de pasaxe das trapicheiras» (Valença do Minho). Esta referencia aparecía tamén en correspondencia dirixida ao ministro de Obras Públicas. O uso dese rexionalismo no feminino dá conta da importancia deste fluxo diario e recoñece as trapicheiras como suxeitos históricos, protagonistas dunha historia que permaneceu en boa medida á marxe dos relatos oficiais e sobreviviu, sobre todo, na memoria oral.

Das cintas á exposición: a memoria máis alá da pantalla

Transfronteiriza xurdiu da necesidade de dar unha nova vida aos materiais que quedaran fóra da montaxe final de Mulleres da Raia. A idea de explorar outras formas de traballar con eles xurdiu no propio Museo do Pobo Galego, durante unha visita a unha das exposicións vinculadas á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE).

A este impulso creativo sumouse a urxencia de preservar as gravacións, xa que as cintas orixinais comezaban a deteriorarse e algunhas xa non puideron recuperarse. A dixitalización do arquivo converteuse así nun paso fundamental para garantir a conservación deste legado, un labor para o que Diana Gonçalves contou coa colaboración da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Agora, as propias cintas e unha selección do material recuperado forman parte da exposición como pegada física da investigación e da creación. O proxecto traslada así materiais cinematográficos ao espazo museístico e explora as posibilidades narrativas que xorden do encontro entre imaxes, documentos, obxectos e arquitectura.

Un percorrido entre o tránsito e a confluencia

A exposición organízase en tres espazos. A primeira sala, Tránsito, evoca unha estación transfronteiriza e o momento previo a cruzar ao outro lado: un espazo de espera e movemento que inicia un percorrido pola vivencia persoal da fronteira, pola doutras mulleres e pola da propia autora.

O corredor central ofrece unha contextualización histórica da Raia, tanto fluvial como seca, e das transformacións que modificaron a relación entre ambos os territorios, desde os controis fronteirizos ata a liberdade de circulación e a cooperación veciñal.

Finalmente, Confluencias sitúa o Miño non só como fronteira, senón tamén como espazo de encontro, traballo, subsistencia e lecer. Nesta última sala destaca a barca dos Pepes, os restos dunha embarcación recuperada do río coa participación da veciñanza e incorporada á exposición xunto con imaxes da súa recuperación e gravacións vinculadas á memoria da comunidade.

A peza dialoga co debuxo Na veira do Miño, incluído no Álbum Nós, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cedido polo Museo de Pontevedra. Foi a partir desta peza como a autora conseguiu definir o proxecto que tiña entre mans: «son cousas da fronteira unidas pola narración dunha transfronteiriza».

A través de todos estes materiais, a expo-instalación entrecruza a investigación histórica e a creación artística para abordar a fronteira desde as experiencias das persoas que a habitaron e a seguen percorrendo.

Producida polo Museo do Pobo Galego e Raia Creativa, Transfronteiriza é tamén o resultado dunha rede de colaboracións que foi medrando ao longo do proceso de creación, coa participación de entidades e institucións de ambos os lados da fronteira. Así, o proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, Pipeworks, o Museo de Pontevedra, o Ministerio de Defensa (CEGET), a Cámara de Valença, a Cámara de Melgaço, Patrimonio de Portugal, a Casa do Poço e o Museu da Guarda Nacional Republicana (GNR).

A expo-instalación poderá visitarse ata o 28 de marzo de 2027 na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, de martes a sábados, de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.