Pesar polo falecemento do antropólogo Gustav Henningsen

Pesar polo falecemento do antropólogo Gustav Henningsen
Imaxe
Gustav Henningsen

Este mércores, 18 de outubro, recibimos, con pesar, a nova do falecemento do antropólogo Gustav Henningsen en Dinamarca.

Gustav Henningsen (Slagesle, 1934 – Lyngby, 2023) desenvolveu unha importante parte do seu traballo en Galicia, a finais da década de 1960, onde investigou arredor do noso rico universo inmaterial, sobre todo a propósito das crenzas e prácticas relacionadas cos rituais de curación. Durante a súa estadía na comarca de Ordes aproveitou para coñecer o noso país escoitando a xente e tirando miles de fotografías. Este material fotográfico foi doado ao Museo do Pobo Galego para pór a disposición da investigación, do mesmo xeito que o seu material sonoro foi doado ao Instituto da Lingua Galega (ILG), e todos aqueles materiais documentais á Universidade Pública de Navarra.

As doazóns desinteresadas que tanto Gustav coma a súa esposa, Marisa Rey, acordaron coas diferentes institucións son fiel reflexo da xenerosidade e do enorme interese do matrimonio pola Antropoloxía, a súa investigación e súa difusión.

Vaia o noso agradecemento á súa xenerosidade e as nosas sentidas condolencias para a súa esposa e fillos.