O Museo do Pobo Galego, protagonista do podcast da Radio Galega "Un paseo polo Museo"

Tipo nova
DEAC
O Museo do Pobo Galego, protagonista do podcast da Radio Galega "Un paseo polo Museo"
Imaxe
Podcast Paseo polo Museo

RadioGalegaPodcast.gal vén de estrear o programa ‘Paseo polo museo’, un percorrido polas salas dos principais museos e centros de arte públicos galegos, a través da voz das persoas que guían e ensinan os contidos dos mesmos ás e aos visitantes.

O Museo do Pobo Galego é o protagonista do primeiro dos seis capítulos que compoñen a serie (que completan o Museo de Pontevedra, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Mar de Galicia en Vigo, o Museo Provincial de Lugo e o Museo da Construción Naval de Ferrol). 

A nosa compañeira de Educación e Acción Cultural Carme Campo acompañou no paseo á xornalista Lucía Junquera. O percorrido que agora podemos escoitar no podcast é unha adaptación do itinerario sonoro "Son(em)peza", unha actividade creada para o festival Soa Bonaval que propón unha visita polos obxectos da colección do Museo guiada a través do patrimonio inmaterial, de maneira que as pezas materiais que poden verse na sala se asocian cun son: refráns, cantigas, contos, melodías, ferramentas a traballar, ambientes sonoros... Das 26 recollidas sonoras dese itinerario "Son(em)peza" -que forma parte da oferta didáctica do Museo e que se traballa con escolares e en visitas virtuais en colaboración coa ONCE- elixiuse para o programa da CRTVG unha selección de pezas que van desde os anos 70 ata o 2021 e que están no APOI. Son diferentes recompilacións de traballos como o de Dorothé Schubarth, Mero, Xurxo Souto e de departamentos do Museo do Pobo Galego.

O itinerario que poderedes escoitar no podcast é, polo tanto, o resultado dun traballo interdepartamental, proposto polo DEAC pero onde todos os departamentos do Museo puxeron o seu grao de area. Todo, co fin de que todas e todos poidamos desfrutar do patrimonio do pobo -material e inmaterial- que alberga esta institución, tamén desde fóra das súas paredes, na comodidade e a accesibilidade que proporcionan a radio e os dispositivos móbiles. 

Velaquí tedes a ligazón: https://radiogalegapodcast.gal/programas/paseo-polo-museo