O Museo do Pobo Galego lamenta o pasamento de Marisa Rey-Henningsen
Marisa Rey-Henningsen (xaneiro de 1936 – Kongens Lyngby, Dinamarca, maio de 2026), antropóloga galega afincada en Dinamarca, desenvolveu xunto ao seu marido, o etnólogo e folclorista Gustav Henningsen, un importante labor de investigación etnográfica e antropolóxica en Galicia entre 1965 e 1968, período no que el gozaba dunha bolsa do Instituto Danés de Folclore. Durante aquelas estadías en terras galegas, mentres Gustav Henningsen realizaba as súas recolleitas sobre crenzas populares, relixiosidade e cultura oral, Marisa Rey-Henningsen traballaba na súa propia investigación sobre a sociedade rural galega —base da súa tese en danés Den matriarkalske udfordring— e das súas posteriores publicacións The World of the Ploughwoman (1994) e The Tales of the Ploughwoman (1996), ao tempo que ambos criaban os seus catro fillos.
A súa achega intelectual resulta inseparable dese intenso labor de campo compartido, no que Marisa desempeñou tamén un papel fundamental como mediadora lingüística e cultural, traducindo ao danés materiais procedentes das recolleitas galegas e contribuíndo decisivamente á comprensión da cultura popular de Galicia no ámbito académico internacional.
Cómpre salientar igualmente a xenerosidade e filantropía de Marisa Rey-Henningsen e Gustav Henningsen, materializada na doazón das súas investigacións á Universidade Pública de Navarra e do seu valioso fondo fotográfico ao Museo do Pobo Galego, contribuíndo así á conservación e difusión dun patrimonio documental e humano de extraordinario valor para a memoria cultural galega.
O Museo do Pobo Galego quere expresar o seu máis fondo e agarimoso pesar polo pasamento de Marisa Rey-Henningsen, investigadora rigorosa e muller de extraordinaria sensibilidade humana, á que esta institución lle debe unha parte esencial da preservación da memoria visual e etnográfica da Galicia da segunda metade do século XX. Fica entre nós a súa obra, a súa xenerosidade e a fonda gratitude por toda unha vida dedicada a comprender, dignificar e compartir a cultura do pobo galego.