Nova colección no catálogo en liña: Entroido

Tipo nova
Colección
Nova colección no catálogo en liña: Entroido
Imaxe
Nova colección no catálogo en liña: Entroido

13 de febreiro de 2026.- Con motivo da chegada do Entroido, queremos compartir con vós unha coidada selección de pezas relacionadas con esta festividade feita polo Departamento de Colección do Museo do Pobo Galego, que abarca desde traxes e máscaras até diversos obxectos vinculados á gastronomía.

O Entroido é unha das festas máis antigas e tradicionais da nosa cultura, unha celebración cargada de identidade, que percorre as rúas de aldeas, vilas e cidades durante estes días. Probablemente está relacionada coa celebración das calendas, aquela que o concilio de Braga de 572 condenaba. O Entroido, o introitus, a entrada, constitúe a manifestación festiva máis estendida e célebre do ciclo anual, que, a tradición cristiá soubo incorporar ao seu calendario reformulándoa con vistas á chegada da Coresma. Así, o Entroido perfílase coma un escenario de subversións e excesos de comida, festa, bailes e brincadeiras, fronte ao período de sacrificio e austeridade que chega irremediablemente.

Martes de Entroido,
ti has de vir,
cuncas e pratos
han de ruxir.

O tempo do Entroido variou nos últimos tempos, se ben en orixe tiña unha maior duración; as celebracións podían estenderse durante máis de dúas semanas, unha tradición que aínda se conserva nalgúns lugares. É o caso de Xinzo de Limia, onde o calendario festivo vén marcado polos domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro. Na actualidade é común celebrar os tres días grandes: domingo, luns e martes, que se caracterizan polas máscaras e os disfraces e a degustación da característica gastronomía destas datas. E a pena e mailo desexo de máis que deixa cando a festa acaba e a austeridade cotiá volta:

Adiós, martes do Entroido,
sempre fuches un gandulo,
que para tres días de festa,
sete semanas de xexuno.

 

Accede á colección a través desta ligazón.