Felipe Arias Vilas, novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

Felipe Arias Vilas, novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego
Imaxe
Felipe Arias presidente Padroado MPG

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2026.-  Felipe Arias Vilas (Lugo, 1949), arqueólogo, patrón e membro fundador do Museo do Pobo Galego, foi elixido hoxe presidente do seu Padroado. A elección tivo lugar nunha asemblea extraordinaria convocada para cubrir a vacante na presidencia tras a renuncia de Concha Losada ao cargo o pasado mes de maio. Arias Vilas, único candidato presentado, recibiu o apoio unánime da asemblea. O resto das e dos membros do Consello de Goberno continúan nos seus cargos. 

Arias Vilas conta cunha ampla traxectoria no ámbito museístico galego. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984, dirixiu o Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación, en 1983, ata 2014, ano da súa xubilación, e foi promotor do Consello Galego de Museos. A súa relación co Museo do Pobo Galego remóntase á fundación da institución, coa que mantivo unha estreita vinculación durante estas cinco décadas até a actualidade. 

Con este nomeamento, Arias Vilas convértese no sexto presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, despois de Xaquín Lorenzo Fernández (1976-1989), Antonio Fraguas Fraguas (1989-1999), Isaac Díaz Pardo (2000-2011), Justo Beramendi (2011-2022) e Concha Losada (2022-2026).

A elección chega nun momento especialmente significativo para a institución, que en 2027 celebrará o seu 50 aniversario. A efeméride será unha oportunidade para recoñecer o percorrido do Museo ao longo de cinco décadas e proxectar o seu futuro como espazo de conservación, investigación e divulgación da cultura galega, ao servizo da sociedade.