Conferencia de Judith Cohen sobre o etnomusicólogo Alan Lomax

Conferencia de Judith Cohen sobre o etnomusicólogo Alan Lomax
Imaxe
Judith Cohen con Alan Lomax

O traballo etnomusical de Alan Lomax en Galicia é o título da conferencia que Judith Cohen dará o xoves, 6 de xullo, ás 17:00 horas, no Museo. 

Será unha charla sobre o músico e etnomusicólogo estadounidense, que viaxou por varios países para recoller as diversas músicas populares e tradicionais. En Galicia estivo no inverno do ano 1952, percorrendo localidades como Avión, Corcubión, Fisterra, Hío, Nogueira de Ramuín, Redondela ou Ribadavia. O seu traballo de recollida é o documento sonoro máis antigo realizado con criterios musicolóxicos na nosa terra. 

Algunhas das gravacións que fixo ao longo do mundo Lomax foron publicadas en discos e, entre eles, tamén hai un dedicado a Galicia: The Spanish Recordings: Galicia, onde están seis temas galegos, entre os cales o Toque de chifro, interpretada por Xosé María Rodríguez, afiador de Faramontaos (Nogueira de Ramuín), que posteriormente foi reinterpretado polo músico de jazz Miles Davis e editada no disco Sketches of Spain, baixo o título de The Pan Piper. 

Coñeceremos máis sobre o seu traballo da man de Judith Cohen, etnomusicóloga canadene que, ademais de ser profesora de música na universidade de York (Toronto, Canadá), intérprete e especialista en música sefardí, é a consultora da colección española de Alan Lomax. Ademais, está a preparar unha edición dos seus diarios.