A colección fotográfica de Ton van Vliet incopórase aos fondos do Museo do Pobo Galego

A colección fotográfica de Ton van Vliet incopórase aos fondos do Museo do Pobo Galego
Imaxe
Foto fondo para web

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026.-  O Museo do Pobo Galego e o fotógrafo holandés Ton van Vliet formalizaron hoxe o acordo de cesión da súa colección fotográfica, que pasa a formar parte dos fondos da institución. Trátase dun conxunto de imaxes realizadas en Agolada entre 1978 e 1984, un período clave no que Galicia comezaba a recuperarse de catro décadas de ditadura.
 
A doazón inclúe a totalidade dos negativos e diapositivas orixinais captados por van Vliet durante a súa estadía en Galicia, así como as diapositivas de Jeroen Hoogakker, fotógrafo que o acompañou nas súas dúas primeiras viaxes a terras galegas. En total, uns 2.000 negativos, unhas 150 diapositivas e 40 copias fotográficas, que conforman un fondo de gran valor documental sobre a vida cotiá, os espazos de sociabilidade e os modos de vida dunha contorna rural en transformación.
 
En palabras da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, “é un auténtico orgullo para esta institución recibir este traballo fotográfico artístico tan singular”. Pola súa banda, o propio van Vliet destacou que “este é o mellor sitio” para albergar o material.
 
O tamén fotógrafo Eutropio Rodríguez, quen actuou como intermediario na cesión, subliñou a vontade do autor de depositar o seu traballo nunha institución galega e amosouse “moi contento” de que sexa finalmente o Museo do Pobo Galego. 
 
No acto de sinatura participou tamén Manuel Busto, veciño da Agolada e coñecedor do contexto e das historias persoais que hai detrás de cada unha das fotografías. “Daquela vin que a mirada de Ton van Vliet era moi diferente da nosa. Chamábanlle a atención a xente traballando coas vacas, a asistencia á igrexa, as festas ou os labores do campo… pero agora tamén me decato de que lle interesaban, ademais, as paisaxes”, sinalou. 
 
Unha ollada externa á Galicia rural
 
A primeira visita de Ton van Vliet (Terborg, Holanda, 1956) a Galicia produciuse en 1978, cando, sendo aínda moi novo, chegou case por casualidade a Agolada, tras ver un artigo nunha revista sobre Galicia. Atraído polo interese por coñecer unha realidade distinta, iniciou desde entón unha serie de viaxes á comarca do Deza, nas que a súa relación coa veciñanza e a súa ollada atenta permitíronlle construír un retrato próximo e respectuoso da vida diaria, desde escenas en tabernas e reunións sociais ata momentos familiares e labores cotiáns.
 
A través desta mirada externa, as súas fotografías transcenden o rexistro documental para converterse nun espazo de encontro entre culturas, no que dialogan a experiencia do fotógrafo e a identidade do territorio. Unha parte deste traballo foi xa dada a coñecer en O pálpito interior (2022), publicación realizada da man do fotógrafo galego Eutropio Rodríguez como editor. 
 
Conectar a través da memoria e da cultura
 
Coa súa cesión ao Museo do Pobo Galego, este fondo intégrase nun arquivo que ten como misión conservar, estudar e difundir o patrimonio cultural galego. As imaxes regresan agora como memoria compartida, ampliando o relato visual sobre o país e contribuíndo a preservar testemuñas dun tempo recente que segue a ser fundamental para comprender o presente.
 
Esta incorporación coincide coa celebración da Semana Internacional dos Museos 2026, centrado no papel destas institucións como espazos de conexión. Neste sentido, a colección de Ton van Vliet exemplifica a capacidade dos museos para tecer relacións máis aló das fronteiras e favorecer o diálogo entre culturas a través da memoria e da imaxe.