Acto en Baio na honra de Francisco Romero Lema, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos

Acto en Baio na honra de Francisco Romero Lema, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos
Imaxe
Francisco Romero Lema SEG

Xornada en torno á figura do baiés Francisco Romero Lema (1903-1972), un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, e a familia Romero Lema de Baio. 

O acto, aberto á cidadanía, enmárcase no programa de celebracións do centenario do Seminario de Estudos Galegos. A cita será este sábado 17 de xuño no Auditorio de Baio, organizada ademais de polo Museo do Pobo Galego pola Comisión Enrique Labarta Pose para as Letras Galegas, en colaboración co Concello de Zas. 

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e Xosé María Lema, en representación do Padroado do Museo do Pobo Galego para a organización desta conmemoración do centenario do SEG na vila de Baio, serán os encargados de abrir a xornada conmemorativa. A continuación, o muxián Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, ofrecerá unha charla sobre a importancia que tivo na cultura galega a creación do Seminario, no 1923. Seguirá a conferencia de Xosé María Rei Lema "Vida e obra de Ramón Francisco Romero Lema. A fundación do SEG segundo a súa versión". 

Jorge Mira, presidente da Comisión Enrique Labarta para as Letras Galegas, moderará a continuación unha mesa redonda sobre a familia Romero Lema de Baio, na que participarán Xosé Luís Axeitos, académico numerario da RAG; Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña, baiés e sobriño-neto dos Romero Lema; e Xosé María Lema, historiador e membro da comisión E.L.P-L.G.

Ademais, as persoas asistentes poderán ver expostas as obras publicadas de Francisco Romero, o manuscrito onde relata a súa versión da fundación do SEG ou as 144 papeletas que permitiron publicar a súa obra lexicográfica póstuma Vocabulario de Soneira.

Xa pola tarde realizarase unha ruta literario-artística para visitar os lugares que foron significativos na vida do homenaxeado Francisco Romero Lema e a súa familia. 

 

Día: sábado, 17 de xuño

Lugar: Auditorio de Baio

Localidade: Baio (Zas)

Organiza: Museo do Pobo Galego. Comisión E. Labarta Pose para as Letras Galegas e Concello de Zas.