Durante este mes de xuño, desenvolveranse no Museo as xornadas Arte e Espolio. En torno ás estatuas do Mestre Mateo, organizadas polo Concello de Santiago en colaboración co Museo do Pobo Galego, co fin de abordar a cuestión do lugar no que deben ficar as estatuas de xeito permanente.
A actividade, enmarcada no programa municipal Compostela é Memoria, celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego os días 6, 11 e 17 de xuño, con entrada libre e de balde até completar capacidade e retransmisión por streaming.
Sábado, 6 de xuño
A primeira xornada, centrada no Espolio, guerra e restitución, comezará o sábado 6, ás 10.00 horas, cunha benvida institucional a cargo da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e a presidenta en funcións do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández.
Seguidamente, haberá dúas conferencias. A primeira, O saqueo de Europa: como os nazis minguaron o patrimonio cultural europeo, a cargo do catedrático de Historia Política e Social Miguel Martorell, quen analizará o funcionamento da gran maquinaria depredadora dirixida por Adolf Hitler e Hermann Goering e integrada por directores de museos, galeristas, funcionarios, militares e especuladores.
A segunda conferencia, O espolio artístico no Franquismo, correrá a cargo do catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación Arturo Colorado, autor de estudos de referencia sobre o patrimonio como botín de guerra, ferramenta de propaganda e mecanismo de lexitimación política. A súa achega permitirá abordar o espolio como política de Estado, a circulación e diáspora das obras, a construción de relatos lexitimadores e o papel da investigación histórica e do arquivo como proba documental.
Xoves, 11 de xuño
A segunda xornada, co título de Galicia, espazo de recuperación patrimonial, arrincará o xoves 11, ás 16.30 horas coa conferencia Mosteiro de Carboeiro e Columnas de Antealtares, a cargo do investigador da USC e membro do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas Culturais) Francisco Prado-Vilar. Seguidamente, intervirá o catedrático de Historia da Arte e experto en temas de arquitectura e urbanismo Alfredo Vigo Trasancos, coa conferencia Casa Cornide. A xornada pecharase falando do Pazo de Meirás, cos especialistas Manuel Pérez Lorenzo, Jesús Ángel Sánchez García e Carlos Babío.
Mércores, 17 de xuño
A derradeira xornada, As estatuas do Mestre Mateo, abordará a situación das dúas esculturas recuperadas tanto desde a perspectiva xurídica, como a histórico-artística e tamén a respecto do seu emprazamento definitivo. Contará coas intervencións de Xoaquín Enrique Monteagudo, Manuel Cutrín e Guillermo Tato sobre O proceso xudicial de recuperación das estatuas do Mestre Mateo; Francisco Prado Vilar, Manuel Castiñeiras, Carme Varela e Belén Hernández, que centrarán a conversa no proceso histórico-artístico das figuras do Mestre Mateo. A xornada rematará coas intervencións da Fundación Catedral de Santiago, o Padroado do Museo do Pobo Galego, a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Santiago na conversa titulada As estatuas do Mestre Mateo: memoria, arte e cidadanía.