O martes, 8 de setembro, terá lugar no Museo do Pobo Galego Amizade en torno a Baltar, unha xornada de diálogo e conversa para render homenaxe Rafael Baltar (1933-2004), figura clave na cultura, na arquitectura e nas institucións galegas do último terzo do século XX. Trátase dunha proposta aberta ao público, na que profesionais de diversos ámbitos conversarán arredor da obra e o legado do arquitecto compostelán, quen foi tamén presidente da da Xunta Xestora do Museo do Pobo Galego e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Esta é unha das actividades propostas para o derradeiro mes da exposición Rafael Baltar. Testemuña dun tempo, que pode visitarse no claustro alto do Museo do Pobo Galego até o 27 de setembro. Organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da súa Delegación de Santiago (Arquitectos de Santiago), o Museo do Pobo Galego e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
PROGRAMA
- 16:15 h | Recepción e presentación. Museo do Pobo Galego – COAG.
- 16:30 h | O contexto compostelán: unha conversa de Ramón Villares e as comisarias Paula Franjo e Sandra González Álvarez.
- 17:15 h | A obra de Baltar, Bartolomé y Almuiña: intervención de Fernando Agrasar.
- 18:00 h | A experiencia docente: Mónica Mesejo en conversa con Cristóbal Crespo e Juan Prieto.
- 18:45 h | Escolmas: diálogo entre Ramón Baltar, Myriam Gollubof e Felipe Peña, en conversación con Pablo Gallego.
- 19:30 h | Preguntas e diálogo ao fin da xornada.
- 20:00 h | Cóctel.
Inscrición á xornada, aquí.
Sobre a exposición “Rafael Baltar. Testemuña dun tempo”
A exposición, comisariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, pódese visitar entre o 14 de xullo e o 27 de setembro no Museo do Pobo Galego. Propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar, unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender a arquitectura e a cultura galegas.
Baltar —arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico e autor— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra acompáñao a través da súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a exposición conmemora tamén o 50 aniversario da creación da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.