A Voltas co Baile. Máscaras que bailan nos rituais do tempo cíclico

Submitted by xestor on Mér, 25/03/2026 - 09:31
11
Apr
2026
A Voltas co Baile. Máscaras que bailan nos rituais do tempo cíclico
Imaxe
A Voltas co Baile

O sábado, 11 de abril, terá lugar no Museo do Pobo Galego unha nova edición de A Voltas co Baile, nesta ocasión centrado nas Máscaras que bailan nos rituais do tempo cíclico e enmarcado na programación arredor da exposición temporal MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II. Será no Auditorio do Museo do Pobo Galego, nun programa que se centra nos momentos de transición do ciclo anual, principalmente o do inverno, que acompañan ás diversas mascaradas da Península Ibérica e do resto de Europa que forman parte da mostra.

Nestes eventos rituais, moitas máscaras executan bailes ou danzas de moi diferentes índoles. Así, dise que unha máscara está bailada cando participou do rito para o que se creou e se transmitiu de xeración en xeración.

Na xornada afondarase nas diferentes manifestacións dancísticas que se dan arredor das máscaras galegas que saen desde o solsticio de inverno até Entroido, facendo a comparativa dos seus comportamentos co de outras mascaradas europeas. Tamén viaxaremos até as Illas Canarias, cuxas tradicións de inverno vense eclipsadas polos desfiles de carnaval de Tenerife, podendo coñecer manifestacións ancestrais que teñen na danza un elemento protagonista do rito.

PROGRAMA

10:30 a 12:00 h. Rituais con danzas no entroido e nas mascaradas invernais: a cinemática do extraordinario. Rafael Quintiá Pereira.

12:30 a 13:45 h. Máscaras, libreas e danzas: representación da loita do ben e do mal nas tradicións das Illas Canarias. José Policarpo Martín Cruz.

A actividade é gratuíta, con inscrición previa enviando un correo electrónico a servizosdeac@museodopobo.gal.
 

Descarga