O xoves 17 de xullo, ás 18 horas, celebraremos no xardín do claustro o acto público da recepción formal do "Fondo Santalices", conservado polo fillo de Faustino Santalices, o médico Faustino Santalices Muñiz, e doado o ao Padroado do Museo polas netas, Rosa María Santalices Jiménez e María Isabel Santalices Jiménez, o 18 de decembro de 2024.
O fondo recolle o legado do músico, artesán, investigador e divulgador do patrimonio musical galego, de especial importancia na recuperación e dignificación da zanfona. Constitúe unha colección singular de gran valor etnográfico, histórico e artístico para a cultura galega, que inclúe o seu obradoiro, ferramentas, zanfonas, gaitas, fotografías, diplomas, cadros, partituras musicais e numerosa documentación.
No acto participarán os irmáns Cástor e Félix Castro Vicente, músicos e investigadores, así como tamén o zanfonista Luís Caruncho, que interpretará algunhas das pezas de Santalices.
É precisa confirmación de asistencia, enviando un correo a info@museodopobo.gal
Prégase ás persoas asistentes que estean no claustro de Bonaval ás 17:45 horas.
En caso de chuvia, o acto trasladarase ao auditorio.