O martes, 17 de marzo, ás 19:00 horas, o Museo do Pobo Galego acolle a presentación de Santiago proxectado. Arquitecturas non construídas, unha publicación de Paula Franjo, Fernando Franjo e Santiago R. Caramés, editada polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións.
O volume recolle e afonda nunha selección de catorce proxectos nunca realizados na historia de Compostela, incluídos na exposición homónima que tivo lugar na Casa do Cabido. Arquitecturas plausibles, utópicas, teóricas ou rompedoras que convidan a imaxinarmos unha cidade que nunca existiu, composta de espazos urbanos que hoxe concibiríamos dunha maneira completamente diferente.
Colaboran na obra, entre outras persoas: Rafael Moneo, Álvaro Siza, José A. Puente Míguez, Alfredo Vigo, Jesús Á. Sánchez, Luz Paz, Belén Castro, X. M. Casabella, Teresa Couceiro, Yolanda Pérez e Antonio Maroño.