O martes, 21 de xullo, ás 19 horas, o Museo acolle a presentación do libro Raíces nas augas, de Hugo Javier Freitas. A obra, editada por EOditorial, reconstrúe unha historia de emigración entre Europa e o Río da Prata a finais do século XIX e comezos do XX. Desde pequenas parroquias do interior de Lugo ata portos do Adriático e cidades da Arxentina e do Uruguay, o libro segue o rastro de persoas que deixaron atrás a súa terra para buscar un futuro ao outro lado do mundo.
A partir de documentos históricos, arquivos familiares e memoria transmitida entre xeracións, estas páxinas recuperan despedidas, viaxes, traballos e silencios que forman parte da experiencia emigrante. Un relato que une investigación histórica e narración persoal para iluminar os vínculos invisibles que sequen conectando as dúas beiras do Atlántico.
A presentación contará coa presenza do seu autor, Hugo Javier Freitas, de maneira telemática; e mais de Antonio Andina, de EOditorial.