O Museo do Pobo Galego acolle a presentación de O desenvolvemento da aviación en Galiza, o libro de Xerardo Rodríguez Arias editado por Teófilo Edicións en colaboración co Consorcio de Santiago.
A obra percorre a historia dos inicios da aviación no noso país, desde os primeiros experimentos e os pioneiros galegos até os espectáculos aéreos que percorreron vilas e cidades na segunda década do século XX.
O estudo afonda tamén no papel das Ligas de Amigos e Asociacións Populares que fixeron posible achegar a aviación á cidadanía e no inicio da loita localista nas cousas do ar despois dos combates por mar e por terra do século XIX, nun percorrido que combina a historia dos avances técnicos coa memoria social e local.
A presentación terá lugar o 24 de novembro, ás 19:00 h, no Auditorio do Museo, con entrada libre até completar capacidade.