Este mércores, 3 de outubro, ás 19h, preséntase no Museo do Pobo Galego o libro "LOLA, filla de Cangas", de Asuncion Bernárdez Rodal. Ademais da autora do libro, no acto participarán Iago Santos Castroviejo, da Asociación Cultural Memoria histórica 28 de agosto de Cangas, e Concha Losada Vázquez, coordinadora do APOI, onde está depositado o material documental do libro.
Ao longo destas trinta e unha historias comprendidas entre os anos 1925 e 1941, Lola Rodal Blanco lembra a súa infancia e a súa xuventude en Cangas, unha das vilas mariñeiras galegas máis relevantes deste período histórico debido ao seu potente movemento obreiro ao redor da pesca, do sector conserveiro e da salgadura.
Este relato enfiouse a partir dos materiais orais nos que esta filla de Cangas deixou contado todo o que recordaba daqueles tempos tan complicados tanto para ela como para a súa familia, pois todos eles, implicados directamente na loita social e política, acabarían por sufrir a dura represión que supuxo o levantamento militar e a posterior ditadura de Franco. Ademáis da voz de Lola, estas lembranzas mestúranse coa propia memoria familiar e vital da autora do libro.
Os personaxes que aparecen neste texto existiron na vida real e son nomeados cos seus verdadeiros nomes e apelidos, coa vontade de rescatalos do esquecemento da Historia. Con esta novela Asun Bernárdez Rodal recupera a voz dunha de tantas mulleres que viviron a represión e fai xustiza á Memoria Histórica.