Presentación do libro "Lembranzas a escena: un labor teatral"

Submitted by xestor on Mar, 24/02/2026 - 08:54
24
Feb
2026
Tipo evento
O Museo acolle
Presentación do libro "Lembranzas a escena: un labor teatral"
Imaxe
Portada Lembranzas a escena: un labor teatral

O martes, 24 de febreiro, o Museo do Pobo Galego acolle a presentación de Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967), un libro de Ezequiel Méndez editado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.

O autor relata nesta obra a intensa actividade teatral que desenvolveu no ámbito universitario compostelán durante os anos do tardofranquismo, cando calquera iniciativa de dinamización cultural fóra dos estreitos límites impostos pola ditadura era mirada con desconfianza, cando non coa certeza de que agochaba actividades “subversivas”. A publicación pon en valor un período de especial relevancia para a historia cultural de Santiago e documenta unha etapa na que o teatro universitario se converteu nunha ferramenta de resistencia cultural e de afirmación identitaria en tempos de restricións políticas.

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, en 1961 Ezequiel Méndez Vidal fundou, organizou e dirixiu o Cine Club Universitario e iniciou unha longa traxectoria como crítico de cinema na prensa local (La Noche e El Correo Gallego). Foi ademais cofundador da produtora Equipo 64 e nomeado Fillo Predilecto polo Concello de Santiago de Compostela en 2024.

A presentación da publicación, que terá lugar ás 19.00 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego, contará coa participación do reitor Antonio López; a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez; e o historiador Ricardo Gurriarán.