Presentación do libro "Cantigueiro de Compostela"

Submitted by xestor on Ven, 20/06/2025 - 10:44
24
Jun
2025
Presentación do libro "Cantigueiro de Compostela"
Imaxe
Cantigueiro de Compostela

O vindeiro martes, 24 de xuño, ás 19:00 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a presentación do libro Cantigueiro de Compostela, de V.V.A.A., organizada polo Consorcio de Santiago. Esta edición contou coa colaboración do Museo a través do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade).

Este Cantigueiro de Compostela, editado pola Editorial Galaxia, esta conformado por dous grupos ben diferentes de cantigas: por unha banda as recollidas en Santiago de Compostela, especialmente no lugar de Folgoso, na parroquia de Santa María de Figueiras, e, pola outra, aquelas onde se menciona á cidade, o seu santo, os seus mosteiros, e algunhas das rúas máis senlleiras como o Vilar e a Calderería; ou lugares como Conxo e o Pico Sacro, o monte Illicinus do Códice calixtino. Unha obra colectiva cuxa escolma foi posible grazas ao traballo das persoas que estudaron e recompilaron o noso patrimonio oral, dende o padre Sarmiento no século XVIII até Dorothé Schubarth e Antón Santamarina na década de 1980, pasando por Saco e Arce e Domingo Blanco, e que agora nos permiten coñecer estas cantigas transmitidas xeración tras xeración, case sempre por mulleres. Un patrimonio que, doutro xeito, se perdería para sempre no remol do tempo.