O domingo, 4 de maio, a partir das 12 horas, terá lugar o evento A memoria das nosas avoas. Creadoras e transmisoras da nosa cultura popular. Un tributo a Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica), homenaxeadas nas Letras Galegas.
A xornada, que pretende celebrar a riqueza do seu legado cultural, tocando, cantando e celebrando as nosas raíces, está organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), en colaboración co Museo do Pobo Galego e a área de Cultura da Deputación da Coruña.
Participarán Xaneco Tubío, presidente da AGG; Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e responsable do APOI do Museo; Ana Boullón, en representación da Real Academia Galega; Isabel García Quintela, presidenta da A.F. Aturuxo; e familiares das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas: Juan José Alvite Castiñeira, fillo de Eva Castiñeira e Richi Casás, neto e sobriño de Adolfina e Rosa Casás Rama. Ademais, o acto contará coa actuación musical do grupo de cantareiras de Ultreia.
A entrada é de balde até completar capacidade.