O venres, 12 de decembro, ás 20 horas, acollemos a inauguración da mostra Cantade todas a unha. O cantigueiro popular galego. Trátase da derradeira parada da exposición itinerante coa que a Xunta de Galicia conmemora as Letras Galegas 2025.
A mostra, que poderá verse até finais de ano, estrutúrase en catro partes e propón un percorrido polo cantigueiro popular galego na música tradicional, atendendo ás súas orixes e á súa conformación formal. Un dos apartados céntrase nas cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025, recoñecendo así a súa relevancia no mantemento e transmisión deste patrimonio cultural.
A inauguración contará coa intervención musical Canta compañeira canta, un proxecto musical no que Felisa Segade e Merchi Rodríguez aluden ás remudas, que non é máis que ese cambio de parellas para facer a música nas festas de pandeireta, nas que as mulleres son as encargadas de tocar e cantar para que outros bailen. Unha reminiscencia ao binomio representado por Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas das cantareiras homenaxeadas este ano.
Felisa Segade e Merchi Rodríguez foron compañeiras do grupo Leilía, pioneiro na reivindicación das mulleres no folclore galego, que recuperaron ao longo dos anos o son de pandeiretas e voces da tradición oral galega.