O mércores, 25 de novembro, ás 19 horas, inauguraremos no Museo O corpo errante. Exilio español 1939-1975. Unha exposición que explora os camiños dunha memoria atravesada polo exilio dos republicanos españois a través de obxectos, imaxes e documentos que conservan, nas súas formas e desgastes, o esforzo por manter vivo un mundo afectivo e ideolóxico condenado ao desterro.
Realizada polo proxecto Mapas de Memoria da UNED, en colaboración coa Secretaría de Estado de Memoria Democrática, a mostra é froito dunha investigación de Jorge Moreno Andrés e Julián López García, responsables tamén do comisariado.
O percorrido articúlase en seis espazos con propostas expositivas diferenciadas. A primeira sala xoga coa idea da camuflaxe: documentos que entraron ou saíron de España disfrazados doutra cousa revelan, no seu reverso, as claves que permitiron a súa circulación. A continuación, un corredor formado por máis de 1.500 cartas suspendidas recrea a correspondencia entre unha nai e o seu fillo exiliado, que co paso dos anos evoluciona cara a gravacións en casete enviadas para manter viva a conversa.
Unha tenda de souvenirs convida a mirar a «cara B» das imaxes turísticas de España nos anos sesenta e setenta, contrapondo o seu relato idealizado con materiais audiovisuais sobre o desterro, o encontro coas comunidades exiliadas e os difíciles regresos. A seguinte sala, aparentemente baleira, agocha pequenos armarios que conteñen obxectos ocultos durante o franquismo: fotografías cosidas, cartas escritas en sabas ou medallas agochadas, fragmentos dunha memoria que non se podía amosar.
Un espazo sonoro reúne seis voces de mulleres cuxas historias sosteñen boa parte da memoria do exilio e subliñan o seu papel esencial na transmisión dos recordos. A exposición culmina nun faiado, metáfora do lugar onde as persoas exiliadas conservan todo o que as acompaña: o que trouxeron de España e o que adquiriron na terra de acollida. Un territorio simbólico feito de obxectos, cheiros e texturas que revela non só unha identidade, senón tamén unha forma particular de habitar o mundo.
A mostra poderá visitarse no Museo do Pobo desde o 25 de novembro de 2026 até o 14 de marzo de 2027.