Inauguración da exposición "Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II"

Submitted by xestor on Mar, 30/12/2025 - 14:01
29
Jan
2026
Inauguración da exposición "Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II"
Imaxe
Inauguración da exposición "Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II"

xoves, 29 de xaneiro, ás 19 horas, o Museo do Pobo Galego inaugura a exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II. Unha mostra que convida a achegarse ao mundo das máscaras como expresión cultural universal, presente en festas, rituais, celebracións relixiosas e representacións teatrais de diferentes épocas e lugares do mundo. 

A exposición componse dunha coidada selección de 54 máscaras procedentes de Romanía, Italia, Portugal e España, todas elas pertencentes á colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, que leva máis de corenta anos reunindo pezas desta arte ancestral por distintos países. A mostra complétase cunha ducia de máscaras dos fondos do Museo do Pobo Galego, froito do seu labor de recompilación, estudo, catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial vencellado ao Entroido galego. 

En total, preséntanse 66 pezas que percorren os usos, tempos e significados da máscara, dando conta da universalidade desta manifestación cultural. Así, poderán verse pezas do carnaval popular, ligadas ás festas de inverno e ao Entroido; máscaras empregadas en celebracións relixiosas, como o Nadal, a Semana Santa ou o Corpus Christi; exemplos do carnaval cortesán barroco e da Commedia dell'Arte, asociadas ao teatro e ás representacións escénicas da Europa moderna; máscaras funerarias, vinculadas aos rituais de despedida, á memoria e ao ciclo da vida e da morte; así como máscaras contemporáneas e de uso artístico, que amosan como estas tradicións continúan vivas e en permanente reinterpretación. 

A proposta, impulsada pola Universidade de Valladolid a través da Cátedra de Estudos da Tradición, está coordinada e comisariada pola profesora Pilar Panero. A exposición inscríbese no proxecto europeo Unveiling the Arts and Works behind the Masks (Descubrindo as artes e os oficios detrás das máscaras), impulsado pola European Education and Culture Executive Agency. 

A inauguración da mostra terá lugar no claustro alto do Museo, espazo onde poderá visitarse até o 26 abril de 2026. 

O catálogo da exposición está dispoñible na seguinte ligazón

Actividades complementarias á mostra

Como parte da programación vinculada á exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, o Museo do Pobo Galego organiza unha visita comentada, da man da súa comisaria, Pilar Panero. A actividade terá lugar o venres, 30 de xaneiro, ás 16:30 horas, e require inscrición previa a través do correo deac@museodopobo.gal. 

Ademais, no marco do programa de educación e acción cultural do Museo, están previstas outras visitas especiais á exposición así como actividades para os centros escolares durante o segundo trimestre.