No ano do seu pasamento, queremos dedicar unha humilde homenaxe ao antropólogo e folclorista Gustav Henningsen (Slagelse, 1934 – Lyngby, 2023). Dende hoxe mesmo e durante todo o 2024, dentro do percorrido do Museo poderedes ver exposta unha pequena escolma das súas imaxes.
Fotografías custodiadas no Museo do Pobo Galego grazas á xenerosidade do antropólogo e da súa muller, Marisa Rey, quen en 2019 doaron a este Museo de todas e todos os galegos o seu Fondo Fotográfico (1965-98) (Fondo Fotográfico Rey-Henningsen. Arquivo Gráfico do Museo do Pobo Galego). Xa antes, en 2009, doaran as gravacións sonoras ao ILG e, en 2020, o seu fondo bibliográfico e documental á Universidade Pública de Navarra.
Henningsen percorreu Galicia fotografando o cotián, aquilo que ata entón ninguén plasmara. O inmenso valor das súas fotografías débese a que son imaxes tiradas por un antropólogo, non por un fotógrafo profesional, polo que o punto focal non estaba tanto na imaxe senón nos comportamentos sociais que había nela.
Nesa escolma que agora realizamos, a partir da primeira exposición que elaboramos cos seus materiais, Galicia Máxica I: Reportaxe dun mundo desaparecido, non faltan as tiras fotográficas sobre crenzas e relixiosidade popular galega, dous aspectos que ninguén retratou como Henningsen.