Faladoiro: Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía.

Submitted by xestor on Xov, 31/07/2025 - 09:47
28
Aug
2025
Faladoiro: Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía.
Imaxe
Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía.

 

O vindeiro xoves, 28 de agosto, ás 19:00 horas, o antropólogo Diego Amoedo Martínez ofrecerá un faladoiro no Museo do Pobo Galego titulado Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía.

"Cima de Vila é a terra que visito todos os dias, é a minha promessa de vida" (Venancio de Tourém); "O baldio foi dando resposta aos problemas que as comunidades tinham" (Jose Miguel, Covas do Barroso); "Nos somos o rio" (Guardiões do bem viver). Estas frases, recollidas en diferentes traballos de campo, amosan a profunda ligazón dos humanos coa súa terra-territorio. A territorialidade é un concepto do que partiremos para comprender o proceso de construción de espazos de vida e as súas terras, para chegar à terra-territorio; fala dunha relación que vai máis alá da produción agrícola e que se refire a procesos sensibles que tamén envolve os non humanos. 

Nesta conversa, Diego Amoedo invítanos a reflexionar sobre como se constrúe un territorio habitado: que papel xogan as vacas, os muros construídos, os cultivos que pasaron polas terras ou mesmo as ameazas externas na configuración das terras? Como se organizan as reivindicacións da vida? Que significan os baldíos como espazos de esperanza comunitaria? Como se viven os conflitos socioambientais e disputas sobre o territorio desde a mirada das persoas que traballan e coidan a terra? Como son os procesos de constitución de estados-nación e de fronteiras narrados a través das terras?

A conferencia pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente sobre estas cuestións.

Diego Amoedo Martínez é Doutor en Antropoloxía Social (UNICAMP, 2019) coa tese Casas, terras, vacas e plantas: o sistema agrícola de Tourém e Pitões das Júnias (Alto Barroso, Portugal), financiada polo CNPQ, e fixo unha estancia no HISTAGRA (USC). Licenciado en Enxeñaría Forestal (UVigo, 2007) e mestre en Antropoloxía (UNICAMP, 2014) cunha estancia no CETRAD (UTAD). É profesor de Antropoloxía na UFOPA desde 2017 e actualmente desenvolve investigacións no oeste de Pará sobre coñecementos, sistemas agrícolas tradicionais e usos da terra e da auga entre pobos e comunidades tradicionais. Gañador do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2018) co ensaio Usos e desuso das terras de Tourém. Transformacións socio-territoriais nun pobo rural fronteirizo do norte de Portugal.

Esta conversa forma parte do ciclo Faladoiros en Bonaval, que se desenvolverá a partir de agosto no Museo do Pobo Galego. 

Acceso libre até completar a capacidade.