Faladoiro: “Culturas en perigo: a documentación de tradicións materiais no Corno de África”

Submitted by xestor on Mér, 01/10/2025 - 07:54
30
Oct
2025
Faladoiro: “Culturas en perigo: a documentación de tradicións materiais no Corno de África”
Imaxe
Faladoiro: “Culturas en perigo: a documentación de tradicións materiais no Corno de África”

O xoves, 30 de outubro, ás 19:00 horas, o investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC Alfredo González Ruibal ofreceranos un faladoiro titulado Culturas en perigo: a documentación de tradicións materiais no Corno de África, no que contará a súa experiencia no proceso de documentación da cultura material de catro minorías étnicas do Corno de África entre 2020 e 2021 dentro dun programa de rexistro de coñecementos tradicionais en perigo da fundación Arcadia e o Museo Británico. 

O Corno de África é un dos territorios máis diversos do planeta e onde as culturas tradicionais teñen persistido con máis forza, desde pastores nómadas a cazadores-recolectores. Porén, durante as últimas dúas décadas, estas culturas víronse expostas a novas ameazas que contribúen á desaparición das costumes tradicionais, particularmente a cultura material. O proceso de documentación levado a cabo en 2020-2021 no Corno de África permitiu comprender mellor a historia e a cultura destes grupos antes de que a materialidade tradicional desapareza para sempre.

Alfredo González Ruibal é investigador científico no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Ten un doutouramento en arqueoloxía prehistórica pola Universidade Complutense, mais a maior parte da súa investigación ten que ver coa arqueoloxía contemporánea e a arqueoloxía e a antropoloxía de África subsahariana. Os seus intereses inclúen a arqueoloxía da modernidade -especialmente a ditadura, a guerra, o colonialismo e o capitalismo- e o estudo da resistencia social. Ten desenvolvido proxectos arqueolóxicos e de cultura material contemporánea en Etiopía, Xibuti, Somalilandia, Puntlandia e Guinea Ecuatorial. Entre os seus libros máis recentes está Tierra arrasada. Un viaje por la violencia del Paleolítico al siglo XXI (Crítica, 2023), que foi Premio Nacional de Ensaio en 2024.

A proposta fai parte do ciclo Faladoiros en Bonaval, que se desenvolverá o último xoves de cada mes no Museo. 
A entrada é libre até completar capacidade.