Expo-instalación "Transfronteiriza", de Diana Gonçalves

Submitted by xestor on Xov, 01/10/2026 - 13:16
22
Oct
2026
Tipo evento
Exposición
Expo-instalación "Transfronteiriza", de Diana Gonçalves
Imaxe
Expo-instalación "Transfronteiriza", de Diana Gonçalves

O Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Raia Creativa colaboran na realización do novo proxecto de Diana Gonçalves sobre a historia da Raia, Transfronteiriza. A expo-instalación, que poderá visitarse desde o 22 de outubro até o 28 de marzo de 2027 na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, recupera as historias das trapicheiras e as memorias dos territorios, entrecruzando vidas e patrimonio de fronteira, a través dun diálogo entre cinema, documentación histórica, obxectos e patrimonio material.

As historias das trapicheiras e a vivencia propia de fronteira son o fío condutor de Transfronteiriza. Mulleres que cruzaban a fronteira, entre os anos corenta e setenta, sendo partícipes dunha longa cadea comercial nun contexto de periferia económica, escaseza de emprego e salarios baixos. As súas prácticas de subsistencia ligadas ao comercio foron un acto de resistencia contra a pobreza e falan dunha realidade na que a condición de fronteira podía converterse nunha oportunidade para saír adiante. A investigación parte do traballo cinematográfico Mulleres da Raia, no que Diana Gonçalves recolleu os testemuños das trapicheiras, e amplía a mirada sobre os lugares que percorreron na procura das pegadas da súa historia na documentación histórica. 

A exposición organízase en tres espazos. A primeira sala, Tránsito, evoca unha estación transfronteiriza e o momento previo a cruzar ao outro lado: un espazo de espera e movemento, iniciando un percorrido pola vivencia persoal da fronteira, pola doutras mulleres e pola da propia autora. O corredor central ofrece unha contextualización histórica da Raia, tanto fluvial como seca, e das transformacións que modificaron a relación entre ambos os territorios, desde os controis fronteirizos até a liberdade de circulación e a cooperación veciñal. Finalmente, Confluencias sitúa o Miño non só como fronteira, senón sobre todo como espazo de encontro, amais de traballo, subsistencia e lecer. Nesta última sala, destaca a barca dos Pepes, os restos dunha embarcación recuperada do río coa participación da veciñanza e incorporada á exposición xunto con imaxes da súa recuperación e gravacións vinculadas á memoria da comunidade.

A través de todos estes materiais, a expo-instalación entrecruza a investigación histórica e a creación artística para abordar a fronteira desde as experiencias das persoas que a habitaron e a seguen percorrendo. Producida polo Museo do Pobo Galego e Raia Creativa, Transfronteiriza é tamén resultado dunha rede de colaboracións que foi medrando ao longo do proceso de creación, con participación de entidades e institucións de ambos os lados da fronteira. Así, o proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, Pipeworks, o Museo de Pontevedra, o Ministerio de Defensa (CEGET), a Cámara de Valença, a Cámara de Melgaço, Patrimonio de Portugal, a Casa do Poço, e o Museu da Guarda Nacional Republicana (GNR).

 

Folla de sala - Transfronteiriza

 

Textos en castelán - Transfronteiriza