A Fundación Antonio Fraguas celebrará o luns 9 de xuño, a partir das 11:00, a festa de fin de curso da IV Edición do proxecto Cóntame un Conto no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Cóntame un Conto é un proxecto educativo que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre o alumnado, difundindo o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral. No acto de fin de curso, presentado pola educadora, antropóloga e narradora María da Pontragha, o alumnado do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, o CEIP Ortigueira de Vedra, o CPI de Viaño Pequeno de Trazo e o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Oroso compartirá os contos que recolleron e gravaron durante o curso.
Nesta cuarta edición participaron máis de 200 nenos e nenas de educación infantil, primaria e secundaria pertencentes a cinco centros educativos do país. Amais dos xa mencionados, tamén o CEIP Plurilingüe de Santo Estevo de Parga de Guitiriz.
Na nosa web poden visualizarse os vídeos de contos relatados por nenos e nenas, ademais de atopar ligazóns a contos tradicionais orixinais dos que alberga o Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade do Museo do Pobo Galego (APOI).