A 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego dedica a súa sesión inaugural ao legado da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth.
Os froitos do seu traballo de recollida das cancións, músicas e bailes do noso país, custodiados no APOI do Museo do Pobo Galego, foron o punto de partida para o que será un evento único impulsado pola MICE, unha homenaxe ao labor de antropoloxía audiovisual desenvolvido por Schubarth. Nel, dialogarán música e imaxe, grazas ao labor de Richi Casás, Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, no musical; e das cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal na montaxe visual.
A cita é ás 20 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As entradas, dispoñibles dende o 12 de marzo, son de balde.