50 aniversario da constitución do Padroado do Museo do Pobo Galego

Submitted by xestor on Ven, 24/04/2026 - 07:37
24
Apr
2026
50 aniversario da constitución do Padroado do Museo do Pobo Galego
Imaxe
50 aniversario

O Museo do Pobo Galego conmemorará o 24 de abril o 50 aniversario da constitución do seu Padroado, cun acto institucional que terá lugar ás 12 horas no Auditorio do Museo e que servirá para poñer en valor a traxectoria dunha entidade clave na preservación, estudo e difusión da cultura galega.

A xornada evocará aquel 24 de abril de 1976, no auditorio do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, cando se asinaba a acta fundacional dun Padroado que nacía co obxectivo de impulsar a creación dun museo para Galicia. Ese proxecto materializouse apenas un ano despois, o 29 de outubro de 1977, coa apertura do Museo do Pobo Galego, que ao longo destas cinco décadas se consolidou como un espazo de referencia na investigación e divulgación do patrimonio material e inmaterial galego.

O programa conmemorativo da xornada artéllase arredor da lectura da acta fundacional, que realizará o secretario do Padroado, Francisco Javier Sanjiao Otero, e da intervención do patrón fundador Xosé Manuel González Reboredo, quen ofrecerá o discurso conmemorativo Un lugar de memoria de Galicia. 

A traxectoria do Padroado terá tamén o seu reflexo nunha peza audiovisual que traza un percorrido pola súa historia e evolución desde a súa creación.

O acto completarase coas intervencións institucionais do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo Suárez; e da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, ás que dará peche a presidenta do Padroado, Concepción Losada Vázquez

A música terá presenza ao longo do acto con intervencións de Blanca Bello Sobral (viola) e Carlos García Amigo (violonchelo), que interpretarán pezas de distintas épocas, así como coa voz de Faia Díaz Novo, que achegará un repertorio tradicional procedente do Arquivo Lomax e do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo.

Con esta conmemoración, o Museo do Pobo Galego reafirma o seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como co papel fundamental do seu Padroado na consolidación dun proxecto colectivo ao servizo do país.