Os cantos arcaicos de ritmo libre: Os alalás

Os cantos arcaicos de ritmo libre: Os alalás

Os xéneros do canto popular galego distínguense polo ritmo. Amais disto, para determinar definitivamente se un modelo melódico é un alalá, un canto de labor, un canto de berce, etc. débese ter en conta o tempo, o contexto social, o ambiente e o espazo no que se canta e cómo se canta.

Os cantos arcaicos de ritmo libre, os alalás, carecían na súa execución de acompañamento instrumental melódico ou rítmico polo que é preciso acudir á forma de executar estes modelos melódicos para os poder definir con máis precisión.

Os alalás eran interpretados a capela, de forma pausada, usando frecuentes melismas e con liberdade recreadora na súa realización definitiva. 

Moitas veces, despois de interpretar a melodía do alalá, coa súa correspondente letra, repetíanse os dous últimos versos da melodía, ou os catro, co “ailalelo, ailalelo, ailalelo ailalailo”.

Deberemos ter presente, xa que logo, que estes esquemas melódicos, sometidos a outros esquemas rítmicos, interpretados noutro espazo e noutro tempo, poderían ser clasificados noutro xénero de canto popular. Un mesmo esquema melódico, dependendo da súa realización definitiva, pode ser un alalá, un canto de berce, unha pandeirada, etc.

Na actualidade estes esquemas melódicos, fixados por diferentes colectores, dentro dun amplo capítulo de melodías sen función determinada, son executados de forma descontextualizada e fóra das características que o definían. Non obstante, conforman un capítulo importante do noso patrimonio lírico musical que debemos conservar e transmitir

Partituras