"Aire do outro mundo", deriva senso-sonora

Enviado por xestor el Vie, 28/06/2024 - 11:29
23
Jul
2024
"Aire do outro mundo", deriva senso-sonora
Imaxe
Aire do Outro mundo

No mes de xullo repetimos deriva senso-sonora polo Museo do Pobo Galego. Haberá dúas sesións: o martes, 23 de xullo, e o mércores, 24 de xullo, ás 10:00 horas

En silencio e coa escoita de todo o corpo aberta á experiencia, as persoas participantes transitarán o edificio na compaña de Elsa Pereira, persoal de sala do Museo e que cada día comparte ritual cos seres que habitan este lugar onde, cada día, ao apagar as luces, as ánimas de Castelao ou Rosalía ocupan os espazos que lles corresponden e debaten, cantan e murmuran o acontecido durante a xornada.

Trátase dunha experiencia sensitiva e sonora inspirada nas derivas situacionistas, que nos convidan a pensar por que, en  determinado lugar, dobramos á dereita ou á esquerda ou de xeito intuitivo nos detemos.  No transcurso da deriva, as persoas participantes atoparán sorpresas, murmurios, imaxes e sensacións que, máis que dar medo, conectan co íntimo e o poético dun edificio con tanta carga de vida e morte como é Santo Domingos de Bonaval. 

Elsa Pereira é, ademais de traballadora do Museo, bailarina e investigadora na disciplina "Body weather" e ten realizado traballos "site specific" corpo-paisaxe no espazo urbano, sempre co obxectivo de botar unha ollada consciente sobre o territorio que nos rodea. Durante a súa formación en danza e creación contemporánea, realizou un traballo inspirado nos camiños de luz que existen na obra de Álvaro Siza dentro da Facultade de arquitectura do Porto e promove Derivas en silencio na procura dos camiños do desexo que, debido ás continuas transformacións que sofre a cidade ao longo do ano, é preciso deliñar sobre o territorio para poder seguir habitando e transitando o lugar que escollemos para vivir.

A duración estimada da actividade son 60 minutos.

As entradas, cun prezo xeral de 5 euros e reducido de 3,5€ para persoas socias do Museo, están á venda no Vivetix do MuseoO billete dá dereito tamén á posterior visita do Museo.