17º Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica
O mércores, 4 de outubro, ás 19 horas, inaugúrase no Museo do Pobo Galego a mostra que recolle as obras gañadoras e as finalistas na 17ª edición do Premio convocado pola Deputación da Coruña.
A serie gañadora, O espello de Claude, de Fuco Reyes, estará acompañada da serie Adeus, de Vicente Fraga, que obtivo unha mención de honor; así como das obras finalistas de Rober de la Torre, Tete Domínguez, Agostime e Belén Lozano.
O xurado elixiu a serie de Fuco Reyes por “asumir riscos, cunha variedade de imaxes, pero mantendo a coherencia narrativa e visual no conxunto da serie, transmitindo a incerteza dos adolescentes nun mundo ao que comezan a enfrontarse". A colección de imaxes gañadora forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo compostelán levou a cavo durante o último ano para diferentes institutos de Galicia, traballando co alumnado en obradoiros específicos.
No acto inaugural, de entrada libre ata completar capacidade, participarán o coordinador do 17º Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica, Xurxo Lobato; Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Fuco Reyes, gañador do galardón; e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña.
A mostra poderá visitarse no Museo ata o 29 de outubro e, en datas posteriores, noutras localidades da provincia da Coruña.