"Atlánticas", unha viaxe por Galicia a través dos oficios de 42 mulleres

Enviado por xestor el Vie, 23/06/2023 - 13:34
30
Jun
2023
"Atlánticas", unha viaxe por Galicia a través dos oficios de 42 mulleres
Imaxe
Exposición Atlánticas

O venres 30 de xuño, ás 18:30 horas, inauguraremos no Museo do Pobo Galego a exposición fotográfica co traballo de Adrián Baúlde. 


A mostra é unha reflexión sobre o papel da muller no mercado laboral, desde os sectores con maior presenza feminina ata aqueloutros tradicionalmente masculinizados. A través da ollada de 42 mulleres de todo o territorio galego, a exposición permítenos explorar oficios tradicionais vinculados á riqueza do mar, ao campo ou ao traballo artesán, algúns deles en risco de desaparecer por mor da falta de relevo xeracional, como é o caso das zoqueiras, cesteiras, enterradoras ou oleiras, entre outros. As imaxes desas profesións tradicionais combínase coas de oficios do presente e do futuro, como o mundo da medicina ou a enxeñaría, que contan cunha crecente vocación feminina. 


O proxecto fotográfico do fotoxornalista Adrán Baúlde (Cambados, 1993) é o resultado de máis de tres anos de traballo e máis de 5.000 quilómetros de viaxe por Galicia, co fin de descubrir e poñer en valor o traballo desempeñado polas mulleres galegas que, co seu esforzo e paixón, foron e son quen de transformar a súa experiencia cotiá en resultados extraordinarios. En palabras do autor: “un fotógrafo, un coche, dous corpos de cámara, catro ópticas, horas de planificación, produción e  postprodución. Pero o máis importante, elas, as Atlánticas, mulleres sen cuxa colaboración este proxecto nunca sairía á luz”.


Na exposición, que poderá visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 5 de novembro, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela. 

A mostra abrirá de martes a sábado en horario de 16:00 a 20:00h, e os domingos e festivos en horario de 11:00 a 14:00h.