VISITA GUIADA A CURTIS, MURAS E OUROL

Tipo nova
Socias e socios
VISITA GUIADA A CURTIS, MURAS E OUROL
Imaxe
""

O sábado 18 de outubro, a oficina de socias/os organizou unha visita guiada ao lugar de: As Aguias-Muras. 

Comezamos en Curtis visitando a Casa-Museo de María Antonia Dans. Trátase da casa familiar onde ela viviu parte da infancia e á que retornaba polo verán. O centro conta só cun ano de vida e o seu proxecto expositivo está en desarrollo.

Despois partimos para As Aguias-Muras para ver a exposición que organizou o Legado Activo Beiras Cal. Unha mostra pensada como un tributo aos irmáns Álvarez Blázquez, que recolle 44 serigrafías editadas desde Serigrafía Gallega, a empresa de Álvaro Álvarez Blázquez no ano 1971.

A colección fai un percorrido por dezanove das e dos artistas máis destacados do panorama galego do momento: Díaz Pardo, Seoane, Laxeiro, Prego, Virxilio, Xaime e Antonio Quesada, Xosé Luis de Dios, Vidal Souto, Xulio Maside, Ventura Cores, María Antonia Dans, Bofill, Sesto Novás, Mercedes Ruibal, Rafael Alonso, Alberto Datas, Pérez Bellas e Sevillano. Tamén se pode visitar unha mostra de case un centenar  de libros que ilustran o labor de Xosé María Álvarez Blázquez, como autor editor, así como tamén doutros dos irmáns Álvarez Blázquez.  

A exposición pode verse nas dependencias do vello Mesón das Aguias, a antiga caseta de correos e o hórreo da casa familiar da pedagoga Antía Cal, quen fundara en Vigo a escola Rosalía de Castro.

Despois do xantar, percorremos os cemiterios do concello de Ourol da man de Anxo Vázquez, quen ten escrito un libro sobre o tema. Unha vez rematado, voltamos a Compostela.

Acompañounos na visita a Muras Carme Varela, comisaria da exposición e socia do Museo do Pobo Galego.