Os cantos de labor

Os cantos de labor

Os cantos de labor son aqueles que están asociados a un traballo concreto. Normalmente estas composicións líricas indican o tipo de traballo que se executa aínda que ás veces non aparece de forma clara. 

Os cantos de labor subdivídense en dous grupos ben diferenciados:

  • Cantos de labor que se cantan durante a realización dun traballo sen que o pulso do esquema melódico  se relacione cos movementos rítmicos do traballo. 
    • Estamos ante un segundo capítulo de cantos de ritmo libre, interpretados a capela, de forma pausada, con uso de frecuentes melismas e con liberdade recreadora na súa realización definitiva. 
  • Cantos de labor que se interpretan acompañados polo ritmo do traballo que se está realizando. 
    • Son cantos silábicos cun pulso básico coincidente cos movementos rítmicos do corpo e, en xeral, neste grupo, a temática da letra tamén está relacionada co traballo que se está realizando.

Na actualidade, por razóns socias, económicas... e culturais, xa é difícil poder escoitar un cantor ou cantora executando cantos de labor –cantos de arada, cantos de arrieiro, cantos de seitura ou cantos de arrigar, cantos de mallar, cantos de ripar o liño, de mazar, de espadelar, cantos de bater o leite, etc. 

Estes cantos de labor, fixados por diferentes colectores, conforman unha parte moi importante do corpus lírico musical de Galicia.