Accesible en liña o catálogo dixital de "Cantareiras"
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026.- Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, o Museo do Pobo Galego pon á disposición do público xeral a publicación Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión, en formato dixital, para garantir a accesibilidade e á permanencia dos contidos da exposición homónima, que puido visitarse no Museo do Pobo Galego entre abril e setembro do ano pasado.
O libro –editado co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua– presentouse o pasado 17 de decembro de 2025 no Auditorio do Museo do Pobo Galego, nunha sentida homenaxe na que se mesturaron as voces do arquivo –a de Salomé Pardo Vázquez, conservada no fondo Schubarth-Santamarina do APOI– coas voces en directo das mulleres que recolleron o seu legado familiar e artístico, tomando o testemuño para continuar o fío da transmisión.
A mostra Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión, producida polo Museo do Pobo Galego co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral, tomou como fío condutor o legado da oralidade e a poesía oral, desde as primeiras compilacións até o día de hoxe, para poñer no centro o papel fundamental das mulleres na creación e transmisión do noso Patrimonio Cultural Inmaterial. Arredor desta exposición desenvolveuse unha programación complementaria na que tiveron cabida obradoiros, conferencias, concertos e visitas guiadas, ademais da realización dunha peza audiovisual que tamén pode visualizarse ao completo en liña. Toda a programación de actividades impulsada polo Museo do Pobo Galego ao redor das cantareiras e a poesía oral contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
A continuación, pódese acceder ao catálogo dixital de Cantareiras en liña:
.