Xornada "A Pegada do SIAC"

Submitted by xestor on Wed, 09/16/2026 - 07:25
23
Sep
2026
Xornada "A Pegada do SIAC"
Imaxe
Xornada "A Pegada do SIAC"

O mércores, 23 de setembro, ás 17 horas, terá lugar no Museo do Pobo Galego a xornada A Pegada do SIAC, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia como acto final da exposición Rafael Baltar. Testemuña dun tempo.

Hai 50 anos, en setembro de 1976, Santiago acollía o I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela. Dirixido por Aldo Rossi, e impulsado por Cesar Portela e Salvador Tarragó, baixo o lema Proxecto e cidade histórica, o SIAC reuniu na cidade a unha xeración de arquitectos que viña discutir como intervir nos centros históricos e qué forma debía tomar a cidade que se estaba a construír. Aquel encontro deixou marca: nos que participaron, na maneira de mirar Compostela e na cultura arquitectónica galega das décadas seguintes.  

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia convoca esta xornada de lembranza daquel Seminario que  supuxo tamén unha aposta pola modernidade, polo diálogo e por poñer en contacto a realidade galega co mundo internacional, nun momento histórico marcado pola ilusión da chegada de tempos novos.

Participarán impulsores e asistentes ao curso, xunto a unha serie de reflexións actualizadas sobre as preocupacións da arquitectura contemporánea, nun percorrido que vai do contexto galego dos anos setenta a un momento actual no que cumpre debater sobre as cousas que Santiago aínda ten pendente de pensar.

PROGRAMA

17:00 h. - Presentación do acto.
17:15 h. - A arquitectura galega nos anos 70. Miguel Ángel Baldellou e Pablo Gallego.
17:45 h. - O impulso do SIAC. César Portela e Salvador Tarragó. Presenta Sandra González.
18:15 h. - Influencia e pegada. Xosé Lois Martínez e Teresa Fonseca. Presenta Paula Franjo.
18:45 h. - Descanso.
19:00 h. - O que queda por pensar en Santiago. Lucía Cerrada e Henrique Seoane.
19:30 h. - O campo de investigación contemporáneo. David Chipperfield.
20:00 h. - Peche da xornada.


Inscrición á xornada, aquí.

 

Sobre a exposición “Rafael Baltar. Testemuña dun tempo”

A exposición, comisariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, pódese visitar até o 27 de setembro no Museo do Pobo Galego. Propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar, unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender a arquitectura e a cultura galegas.

Baltar —arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico e autor— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra acompáñao a través da súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a exposición conmemora tamén o 50 aniversario da creación da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.