Conferencia "Frazadas con flores de Chiloé"

Submitted by xestor on Thu, 09/03/2026 - 08:53
10
Sep
2026
Conferencia "Frazadas con flores de Chiloé"
Imaxe
Conferencia "Frazadas con flores de Chiloé"

No marco da Semana do Patrimonio Invisible, xoves, 10 de setembro, ás 19 horas, a investigadora e directora do Comité Nacional de Conservación Textil de Chile Trinidad Flaño Manduja dará unha conferencia na Ala Sur do Museo do Pobo Galego sobre as Frazadas con flores de Chiloé. 

Trinidad Flaño rastrexou as orixes dos diversos deseños e técnicas destas pezas típicas do Arquipélago de Chiloé, en Chile. Trátase de obxectos téxtiles empregados tradicionalmente como roupa de cama que hoxe constitúen un patrimonio artesanal en vías de desaparición e que apenas se conservan nas camas das casas máis tradicionais.

Froito da súa investigación etnográfica, que comezou no ano 2013 nas comunas chilenas de Chonchi e Puqueldón e continuada logo en España en 2019, Flaño trazou unha conexión, unha herdanza común entre as frazadas con flores e os cobertores ou colchas de Galicia, como as que podemos atopar nos fondos da Colección do Museo do Pobo Galego. 

Na conferencia, a investigadora afondará sobre os resultados do seu traballo arredor dos deseños, as técnicas, as autoras e os usos destas pezas téxtiles, ademais de presentar algunhas das frazadas da súa colección. Todo, co fin de difundir, valorar e manter vivo este patrimonio artesanal.