As estatuas do Mestre Mateo instalaranse definitivamente no Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego será o destino definitivo das estatuas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, recuperadas logo de seren expoliadas polo franquismo.
Tras escoitar as achegas de persoas expertas, institucións e organizacións implicadas, nun proceso participativo que incluíu a celebración dunhas xornadas abertas, o Concello de Santiago acordou que as pezas permanezan neste museo, de titularidade municipal; nun espazo que –en palabras da alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei– “todo o mundo entende como o museo nacional de Galicia”.
Unha decisión que o Museo do Pobo Galego recibe con fonda satisfacción e que supón un importante recoñecemento ao labor que a institución leva desenvolvendo desde hai máis de catro décadas na conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego. A incorporación definitiva destas esculturas reforza, ademais, o compromiso desta casa coa protección e posta en valor dun legado patrimonial que pertence ao conxunto da sociedade galega.