Nova colección no catálogo en liña: Crenzas
24 de xullo de 2026.- Incorporamos unha nova colección ao noso catálogo en liña que contén unha coidada selección de pezas vinculadas coas crenzas procedentes dos nosos fondos. A colección do Museo do Pobo Galego está formada, na súa maior parte, por obxectos de uso cotián. Pero non todos serven para traballar, cociñar ou vestir. Moitos deles cumpren unha función protectora ou simbólica e forman parte do universo das crenzas. Amuletos, obxectos de devoción, relicarios, exvotos ou recordos de romaría axudan a explicar o descoñecido, a afrontar a enfermidade, o infortunio ou a morte e a manter a esperanza diante das dificultades da vida.
Moitos destes obxectos representan armas simbólicas. Os cornos evocan a defensa dos animais; as ferraduras, as couces dos cabalos; os ourizos das castañas simbolizan a protección natural dos seus froitos; e a figa reproduce o puño humano como xesto protector fronte ao mal. Outros buscan a protección a través do sagrado: cruces, medallas, escapularios, rosarios, evanxeos, reliquias ou estampas que acompañan as persoas na súa vida diaria.
As romarías desempeñan un papel fundamental neste universo simbólico. Aos santuarios acódese para pedir saúde, protección ou axuda, e tamén para agradecer os favores recibidos. Deles tráense estampas, medallas, rescritos ou outros obxectos que, polo seu contacto co sagrado, adquiren o valor do divino. E neses santuarios ofrécense os exvotos de cera cos que se pide axuda ou se agradece o favor recibido.
Con esta nova colección incorporada ao catálogo en liña, o Museo do Pobo Galego quere dar a coñecer unha selección das numerosas pezas relacionadas coas crenzas que conserva nos seus fondos. Non son só obxectos: son testemuñas dunha maneira de entender o mundo, de convivir coa incerteza e de expresar medos, esperanzas e formas de vida compartidas ao longo de xeracións.
O que converte estas pezas en patrimonio non é só a súa antigüidade ou a súa singularidade, senón a capacidade que teñen para conservar a memoria das persoas que as utilizaron e das crenzas que lles deron sentido. Cada amuleto, cada exvoto, cada medalla ou cada relicario encerra unha historia e unha forma de interpretar o mundo. Moitas destas crenzas continúan vivas, outras transfórmanse e mesmo xorden novas maneiras de crer. Todas elas, porén, forman parte da nosa identidade cultural e axúdannos a comprender mellor quen fomos e quen somos.