Exposición "Rafael Baltar. Testemuña dun tempo"

Submitted by xestor on Tue, 06/30/2026 - 08:32
14
Jul
2026
Tipo evento
Exposición
Exposición "Rafael Baltar. Testemuña dun tempo"
Imaxe
Exposición "Rafael Baltar. Testemuña dun tempo."

Do 14 de xullo ao 27 de setembro de 2026, poderá verse no claustro alto do Museo do Pobo Galego a exposición Rafael Baltar. Testemuña dun tempo no Museo do Pobo Galego, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Delegación de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola de Arquitectura da Coruña, coa colaboración da Xunta de Galicia.

Esta mostra, comisariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar (1933-2004), unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender os ámbitos da arquitectura e da cultura galegas.

Baltar —arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico, autor…— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra acompáñao a través da súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a exposición conmemora neste 2026 o 50 aniversario da creación da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.