Un ano máis, o Museo do Pobo Galego volve converterse nun dos escenarios do Festival Atlántica de narración oral. O sábado, 4 de xullo, ás 12 horas, terá lugar no Museo un vermú antropolóxico, no que a antropóloga Nati Rey presentará a investigación Ritos de vida, ecos de morte: a fertilidade e a perda temperá nos cruceiros e na cultura popular, un traballo centrado na relación entre a fertilidade feminina e a perda temperá dos fillos, explorando a función dos cruceiros como espazos de conexión entre a vida e a morte. A través de diversos testemuños, recompílanse valiosas memorias que amosan como a cultura galega entendeu a vida e a morte na Galicia tradicional.
A continuación terá lugar a actividade Vermú na punta do pé. Sesión para bailar o noso patrimonio, coa bailadora Chus Caramés.
A proposta, en galego, está dirixida a un público adulto. Entrada libre até completar a capacidade.
Máis información, na web do Festival Atlántica.