Clausura da exposición MASKS no Museo do Pobo Galego

Submitted by xestor on Wed, 04/15/2026 - 09:16
25
Apr
2026
Clausura da exposición MASKS no Museo do Pobo Galego
Imaxe
Clausura da exposición MASKS no Museo do Pobo Galego

O sábado, 25 de abril, ás 12 horas, terá lugar no Museo do Pobo Galego a clausura da exposición MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, unha mostra que nos mergullou na forza estética e simbólica das máscaras como expresión artística e cultural universal. 
 
Para pechar esta experiencia tan especial, haberá unha visita guiada polo coleccionista Nacho Rovira, de quen procede a maior parte das pezas que constitúen a exposición. Compartirá coas persoas visitantes a súa ollada e paixón por este fascinante universo mascareiro e as historias que se agochan tras a adquisición destas máscaras únicas. O punto de encontro terá lugar 10 minutos antes das 12 horas, na recepción do Museo.

No marco da clausura da exposición, ás 13 horas, terá lugar a presentación do novo libro do profesor e investigador portugués Antonio Pinelo Tiza, Inverno Mágico. Ritos e Mistérios Transmontanos Volume III. Esta obra supón a continuación dos traballos de campo iniciados co primeiro volume, profundando nos ritos e misterios que persisten e renacen no territorio de Trás-os-Montes, adaptándose á contemporaneidade e á revitalización de celebracións perdidas. Na presentación, Antonio Pinelo Tiza estará acompañado de Nacho Rovira e da etnógrafa, fotógrafa e documentalista sarriá Mercedes Váquez Saavedra. 

Inverno Mágico. Ritos e Mistérios Transmontanos Volume III  explora a evolución dos ritos festivos, desde a súa adaptación ás novas tecnoloxías ata a súa orientación cara á "turistización". O autor analiza como celebracións adormecidas renacen con novo vigor, e como os ritos de entrada na estación escura se estenden ata a Semana Santa, prolongando o tempo cíclico do inverno transmontano. Un traballo que pecha a triloxía e amplía o ámbito espacial e temporal dous primeiros volumes, revelando a riqueza dun territorio onde a tradición e a modernidade conviven.

Antonio Pinelo Tiza, natural de Varge (Bragança, Portugal) é licenciado en Filosofia pola Universidade do Porto e doutorado en Ciencias Sociais pola Universidade de Valladolid. Foi profesor do ensino básico, secundario e superior, Presidente da Academia Ibérica da Máscara e autor de máis dunha ducia de libros de investigación, ensaios, contos e banda deseñada. A súa obra céntrase nos vínculos históricos e etnográficos do noroeste peninsular, destacando o estudo das tradicións asociadas ás mascaradas.

A visita rematará cun vermú-brinde para celebrar esta gran reivindicación da arte das máscaras.

Entrada libre e gratuíta.