Sesión Inaugural da 21º MICE Museo do Pobo Galego

Submitted by xestor on Mon, 03/09/2026 - 11:04
10
Mar
2026
Sesión Inaugural da 21º MICE Museo do Pobo Galego
Imaxe
Sesión Inaugural 21º MICE

O vindeiro martes, 10 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Pincipal de Santiago de Compostela a sesión inaugural da 21º MICE Museo do Pobo Galego.

A sesión inaugural da MICE acolle a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras. O proxecto conta coa colaboración da artista visual Arancha Brandón, natural da Guarda, configurando unha proposta híbrida e experimental na que dialogan o rexistro sonoro, a transmisión oral e a construción visual.

Durante décadas, as redeiras formaron parte inseparable da vida dos portos, cos seus corpos e os seus xestos ocupando peiraos e lonxas. Na actualidade, a súa presenza resulta cada vez menos visible, ao tempo que o oficio loita por manterse vivo nun contexto de transformación e perda de relevo social. Trátase dun traballo historicamente feminizado, aprendido coa práctica e coa transmisión oral, imprescindible para a actividade pesqueira e construído a man, sen mediación mecánica posible.

Redeiras de A Guarda constrúese a partir dos sons reais do oficio —o manexo das redes, as conversas, os silencios e o mar—, traducíndoos nunha experiencia sonora e visual concibida para ser vivida en directo polo público.

A peza nace no marco de SONORA · Residencia de escoita, iniciativa da MICE orientada a acompañar procesos de creación e investigación nos que o son opera como materia narrativa, metodolóxica e de rexistro.

A sesión complétase coa peza Psicoxeografías de Compostela, unha peza de cinema experimental nacida do obradoiro de iniciación ao cinema en 16 mm desenvolvido no marco do festival, impartido por Pablo Useros e desenvolvido con financiación do ECAM. As pezas realizadas durante o curso introducen unha lectura material e procesual do xesto cinematográfico, recuperando o vínculo co soporte fotoquímico e coa creación colectiva.

A inauguración expresa así unha das liñas que atravesan esta edición: a MICE como espazo de creación, investigación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Un festival atento ao xermen dos proxectos, aos procesos de construción, á fraxilidade e á dimensión viva das prácticas artísticas.

Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.